venres, 12 de xaneiro de 2018

Visita de Ángel Carracedo

Coa axuda do Concello de O Rosal reconverteuse unha cociña case en desuso, anexa á biblioteca, nun lugar preparado para incentivar o gusto polo pensamento científico. Trátase do Laboratorio de Primaria. 
Unha dependencia máis da Quinta dos Libros creada co fin de lograr unha maior presenza de actividades científicas na biblioteca e de integrar as humanidades coa ciencia. Un espazo aberto á experimentación e a realización de múltiples iniciativas educativas.



Pois ben, temos o pracer de anunciarvos que o vindeiro martes, 16 de xaneiro, contaremos coa presenza do xenetista D. Ángel Carracedo, profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular na Universidade de Santiago de Compostela. Este prestixioso investigador e divulgador científico inaugurará o Laboratorio de Primaria, que a partir deste día levará o seu nome.

E aproveitando a súa visita, impartirá unha charla-coloquio no Auditorio Municipal de O Rosal dirixida a toda a comunidade educativa.
Estades tod@s convidad@s!
"Os científicos temos que integrarnos máis na sociedade, na nosa cultura e sobre todo contar o que estamos facendo. Cos anos cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia".
Ángel Carracedo

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que esta Quinta estea viva depende de ti.