Amosando publicacións coa etiqueta Semana dos persoeiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Semana dos persoeiros. Amosar todas as publicacións

venres, 28 de maio de 2021

Paula Carballeira na Mata!

 Hoxe contamos coa visita dunha das grandes contadoras de historias de Galicia, Paula Carballeira! Tamén é escritora e actriz.


No marco do Club de Letras, fixo dúas contadas: unha para os pequeniños de 1º e 2º de Primaria, e outra para 3º A e B de Primaria. Dúas sesións moi divertidas e estimulantes, onde non faltaron as gargalladas, os xogos co corpo e un lote de divertidas dinámicas. E, como non podería faltar, houbo tamén entrevista na Voz da Mata, a cargo de Julia e Aldo de 3º EP.

Aquí tedes unha mostra das contadas e da entrevista na Voz da Mata


 

 

Se queredes escoitar a entrevista completa visitade a nosa canle de IVOOX, a Aula Virtual do CPI ou premede AQUÍ.

Grazas Paula por facernos ver a importancia da palabra nas idades máis temperás!

xoves, 27 de maio de 2021

Comezamos co Club de Cómic do CPI con Yolanda Castaño!

 Hoxe, no noso CPI, contamos coa visita de Yolanda Castaño, poeta, crítica literaria e axente cultural.

Impartiulle un obradoiro de cómic poético ao alumnado de 3º ESO.

Entre os asistentes atopábanse un grupo de rapazas e rapaces que, dende hoxe, formarán parte do Club de Cómic do centro.

Aproveitamos a presenza da autora para constituílo e comezar a súa andadura.

No obradoiro debullou o proceso creativo da obra "O puño e a letra", editado por Xerais, que supón un fito na creación en galego, por fusionar banda deseñada e poesía.

A continuación, o alumnado creou un poema longo coa súa guía e, finalmente, ese poema converteuse en diferentes interpretacións visuais en formato cómic. Foi un verdadeiro revulsivo, que se fixo posible no marco do Club de Letras

Aquí tedes unha mostra das estupendas creacións que fixo o alumnado.

Contamos coa presenza no público de Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal, que non quixo perder o acto, na nosa habitual e cotiá colaboración entre Concello e CPI.

Rematamos a mañá cunha marabillosa entrevista a Yolanda na Voz da Mata. Adán e Román foron os representantes do alumnado de 3º ESO.

 

Se queredes escoitar a entrevista visitade a nosa canle de IVOOX, a Aula Virtual do CPI ou premede AQUÍ.

Grazas a Yolanda Castaño e ao Club de Letras, coordinado por Xosé Tomás, por facer posible unha xornada fantástica!

mércores, 26 de maio de 2021

Jorge Mira na Voz da Mata

Hoxe tivemos unha visita moi especial no noso CPI: Jorge Mira.

 


Pola mañá, o alumnado do club de ciencia de 6º B de EP, traballou o tamaño do Sistema Solar e construíu o noso Sistema Solar a escala no patio. Simulando o Sol cunha pelota de tenis e os planetas con canicas e pedriñas, o alumnado comprobou as distancias e os distintos tamaños relativos entre estes corpos celestes.

 


Pola tarde, mantivo unha charla co alumnado de 4º ESO, co título "Química no amor", e desvelou os segredos de como eliximos parella desde o punto de vista puramente científico.

 


A Voz da Mata non podía desaproveitar a oportunidade de entrevistar un persoeiro galego tan importante.

 


Non perdades a súa entrevista que podedes escoitar visitando a nosa canle de IVOOX, na Aula Virtual do CPI, ou premendo AQUÍ. Nela descubriredes unha anécdota sobre o premio Nobel, John Nash, cal foi o labor de Jorge Mira no equipo de investigadores encargados da predición da evolución da COVID-19, consellos aos estudantes que rematan ESO e BAC, e moitas cousas máis.

Aquí tedes un adianto de dita entrevista.

 


luns, 24 de maio de 2021

María Oruña e "O souto dos catro ventos"

 Hoxe tivemos unha tarde moi especial!


Un marabilloso encontro literario virtual con María Oruña para falar do seu libro "O souto dos catro ventos"

Esta actividade estivo organizada polo Club de Lectura de Adultas da Biblioteca do IES Antón Alonso Ríos. Participamos o noso Club dos Martes e o do CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián.

 Se queredes ver como foi esta fantántica tarde visionade a seguinte montaxe:


Aquí tedes unha mostra da lectura da organizadora da xuntanza, Fátima R. Ruibal e do que nos contou María Oruña!


Moitísimas grazas a todas por participar, a María Oruña por ser tan xenerosa con nós, a Fátima R. Ruibal por facelo posible, a Elvira pola súa coordinación e a Tomás e Merce pola axuda técnica!