O
CPI Manuel Suárez Marquier, a través do Equipo de Dinamización
Lingüística, propón para a Semana das Letras, o concurso
fotográfico-literario titulado “Un libro, unha inspiración”,
dedicado a fomentar a lectura en lingua galega, a creatividade e a
estética. Coas fotografías que seleccione o Xurado, montarase un
vídeo que se subirá ás redes que administra o CPI.
- Participación
Está
dirixido a todo o alumnado
de ESO, desde 1ºESO a 4ºESO, do CPI Manuel Suárez Marquier. A
participación será individual. Establécense dúas categorías:
- 1º e 2º ESO. Poderá participar o alumnado que durante o curso 2019-2020 curse estes niveis.
- 3º e 4º ESO. Poderá participar o alumnado que durante o curso 2019-2020 curse estes niveis.
- Establécese unha categoría especial para aquelas fotografías que se poidan relacionar coa temática do proxecto da biblioteca, A Quinta do Miño, sobre o noso río (nesta categoría serán valorados os traballos que inclúan elementos relacionados co río: flora, fauna).
- Tema do concurso
O
tema do concurso é fotográfico-literario. Por unha banda, procúrase
promover a creatividade e a estética; por outra banda, procúrase o
fomento da lectura en lingua galega.
Este
concurso consiste en realizar unha fotografía artística en que ten
que aparecer obrigatoriamente retratada a portada dun libro escrito
en galego, e non é preciso que apareza fotografada a persoa. Trátase
de que fagas a imaxe en lugares non habituais (no canastro, no campo,
no eirado, no adro, no río, nunha árbore…), con barba, con
lentes, con vestido de época, con parasol… con calquera elemento
que ti imaxines, así que non se admitirán fotografías
convencionais en sofás, escritorio, pupitres etc. Deixa voar o maxín
e tira a fotografía máis incrible e enxeñosa de todas: a super
fotografía. Tes liberdade absoluta para nos mostrar a túa
creatividade sen que resulte ofensiva. Ademais esa imaxe debe ir
acompañada dun lema que fomente a lectura dos libros en galego.
- Presentación de fotografías
As
fotografías presentaranse en formato JPG e enviaranse á conta de
correo electrónico galegoamata@gmail.com,
galegorosal@gmail.com
ou
lgh@edu.xunta.gal ,
indicando no asunto da mensaxe “Un libro, unha inspiración”. As
imaxes que se presenten deben ser orixinais e non ter sido premiadas
en ningún outro concurso.
No
corpo do correo electrónico deberán achegarse os seguintes datos:
- Título da fotografía
- Un lema que fomente a lectura en galego e que se relacione con esa fotografía. Este lema debe ser curto (máximo 10 palabras). Por exemplo: Vive en galego; Divírtete en galego; O galego, o teu ser.
- Nome e apelidos do autor/a
- Curso
Serán
descartadas aquelas imaxes que non cumpran cos requisitos
establecidos nestas bases. A organización poderá decidir se a
calidade e contido das imaxes se adecúa aos criterios do certame.
- Prazo de presentación
O
prazo de presentación de fotografías comeza o día 2 de maio e
remata o 10 de maio de 2020 ás 20.00 h.
- Premio
Establécese
un premio
para cada categoría. Os premios serán entregados ao final do estado
de alarma e seguindo todos os protocolos de prevención sanitaria.
- Xurado
O
xurado
estará integrado por profesorado do CPI.
- Decisión do concurso
O
resultado do concurso será publicado, xunto co vídeo final, na web
do centro, no blog da Quinta dos Libros e nas redes sociais do
centro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Que esta Quinta estea viva depende de ti.