mércores, 3 de xuño de 2020

Parladoiro arredor da Guerra Civil!

Sabedes que, ás veces, as tarefas do cole poden levarnos a facer algo que nunca pensaramos?
Iso foi o que me pasou a min. Son Andrea Portela, de 4º ESO B, e, a raíz dunha comprensión oral que tiven que entregar na materia de lingua galega e literatura, xurdiu este vídeo que agora vos presento.
Este terceiro trimestre, como ben sabedes e padecemos, tivemos que traballar arreo nas nosas casas para non perder o ritmo de estudo. Foi un trimestre diferente a calquera outro da miña vida, e supoño que para vós tamén. Quen ía pensar que chegaría un día en que teriamos que estar confinados na casa, sen poder ver as nosas amigas e amigos! Eu non.
Neste ambiente de corentena, de cando en vez, cando tiña que realizar as tarefas do cole, ao meu lado estaba a miña avoa Concha. Nunha desas ocasións, escoitou un audio que falaba dun tal Antón Alonso Ríos, o señor Afranio. Ela díxome que coñecía a súa historia e outras máis sobre os tempos da guerra.
E aí xurdiu esta idea. Despois de escoitala, pensei que sería interesante xuntar as nosas avoas e avós, a memoria viva dese pasado, e conversar un pouco sobre este tema. Ás mulleres e homes que lle dan voz e contido a esta montaxe, o meu agradecemento pola súa amabilidade e participación
Por orde de intervención, veciñas e veciños da parroquia de Burgueira, no concello de Oia, son as e os grandes protagonistas desta historia:

Concha González Rodríguez, 71 anos, do lugar de Bonaval.
Guadalupe Giráldez González, 92 anos, do lugar do Campo.
Abel Diego Acevedo, 98 anos, do lugar do Campo.
Carmen Otero Giráldez, 77 anos, do lugar da Aldea.
Camilo González Giráldez, 77 anos, do lugar da Aldea.

Foi un pracer parrafear con vós!
Que a memoria siga viva!



Falo do libro deste autor na Voz da Mata, na sección "Falemos de libros..." 
Podedes escoitalo na nosa canle de IVOOX.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que esta Quinta estea viva depende de ti.