venres, 2 de outubro de 2020

Ata sempre, mestre

 Este xoves morreu Quino, humorista gráfico e historietista arxentino.

Na Quinta dos Libros estamos especialmente tristes porque se foi un grande, tan grande como humilde. O creador de Mafalda e os seus amigos, e familia. Tivo o gran acerto de poñer voz aos nenos e nenas, que son os seres máis creativos, coherentes, flexibles e intelixentes que hai no planeta. E con Mafalda como protagonista, falounos durante moitos anos sobre a vida en xeral: as guerras, o amor, a familia, a política, a paz, a amizade,...

 

 

Unha vez Quino contaba nunha charla que o seu personaxe favorito non era, porén, esta nena, senón outro. Sabedes quen? Pois Manolito. Ese rapaz fillo dun tendeiro, un pouquiño bruto, pero entrañable, que inspiraba tenrura en todas as súas aparicións. Nenos e maiores lembramos a Susanita, unha nena educada no machismo; Felipe, o soñador; Miguelito, o creativo; Libertad, a revolucionaria; ou Guille, o bebé astuto que xa apuntaba maneiras.

Contaba tamén Quino (que, como todos os xenios, era profundamente humano) que, cando tiña que publicar unha viñeta a toda páxina para un xornal moi importante, as fins de semana, sempre pasaba toda esa semana angustiado, porque non lle viñan ideas á cabeza. A súa muller, que o coñecía ben, sempre lle dicía: "Tranquilo, Joaquín, que al final siempre llega". E así era.

Contaba tamén este home de aspecto corriente que se confesaba ateo. Pero, aínda así tiña a Biblia sempre na mesiña a carón da cama. E todas as noites lía un pouquiño, para coller ideas. Dicía que alí había de todo: asasinatos, traizóns, amores, odios, etc.

Non queremos rematar esta homenaxe sen contar unha anécdota que el mesmo relatou: Mafalda odiaba a sopa. Pois ben, nunha ocasión, unha empresa de sopas moi potente ofreceulle facer un anuncio publicitario, no que Mafalda tiña que dicir que a sopa era un noxo, toda menos aquela. Quino pensouno moito, eran moitos os cartos que lle ofrecían. E sabedes o que dixo? Que non.

 

Quino morreu, pero a súa obra están tan de moda como en 1964, cando Mafalda veu a luz. E dende A Quinta dos Libros queremos dicirlle,

 "Ata sempre, mestre".

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que esta Quinta estea viva depende de ti.