mércores, 28 de decembro de 2011

Lina Bo Bardi e 2º ESO

Lina Bo Bardi foi unha das primeiras arquitectas que destacou nun mundo de homes. Neste trimestre, as alumnas e alumnos de tecnoloxía de 2º ESO construíron mobles deseñados por ela. E este é o resultado!

Tamén uníronse a este proxecto algúns alumnos e alumnas de informática de 4º ESO, buscando información e deseñando carteis sobre esta arquitecta.























Moitas grazas pola vosa aportación!

xoves, 22 de decembro de 2011

Mulleres na saúde: abrindo portas á vida

Neste percorrido polas mulleres na ciencia faltábanos alguén do noso entorno. Loli Estévez, a comadrona que axudou a moitos de vós a vir á vida, estivo onte cos alumnos de 6º de primaria


Grazas Loli, por pasar este ratiño con nós e explicarnos o misterio da vida! Grazas Marta, por compartir cons teus compañeiros o traballo que cada día fai a túa nai!


E grazas as profesoras e aos alumnos que participaron nesta actividade!

mércores, 21 de decembro de 2011

Porque... a Quinta ten un segredo

Foi unha mañá máxica. A nosa biblioteca converteuse nun taller de corazóns. Dende os máis pequenos ata os máis maiores baixaron para escoitar a historia de Matías ou para contarlla aos seus compañeiros. Todos íamos a dar e recibir. Houbo intercambio de agasallos, de sorrisos, de miradas, de complicidade… 




Ninguén sabe que cando Beatriz recompuxo o corazón de Matías quedou cun anaquiño que deixou para nós na nosa quinta.
Grazas por contribuír a que fora un día especial!

venres, 16 de decembro de 2011

Dende o Rosal ata o Sahara

A nosa bibioteca tamén quere poñer o seu gran de area no proxecto Bubisher. Recordas o vídeo? Preme AQUÍ se queres volver a velo. 


 Queremos enviarlle esta lectura ao bibliobús que recorre os campos de refuxiados do Sahara.  E con ela un pedaciño do noso corazón. Por iso a semana que vén faremos o noso Taller de corazóns.

xoves, 15 de decembro de 2011

Regala unha lectura no Nadal

Pérdete no bosque dos libros coas recomendacións da nosa  quinta en colaboración coa biblioteca do CRA María Zambrano.
















mércores, 14 de decembro de 2011

Tarde de contos

Esta tarde tocoulle aos máis pequenos do cole. Eles puideron gozar coas historias dos libros. Coñeceron ao león que no sabía escribir, a princesa que non quere ser princesa e a Adela e a súa caixa de cartón. 

Contaron cun contacontos de luxo que os sorprendeu ata o final...


E tamén traballaron... Fixeron a súa A de Amor coma a que a leona lle ensinou ao león e elaboraron a súa coroa de príncipes e princesas.



E xa coroados...


tamén se convertiron en contacontos.


Grazas a todos por conseguir que esta fora unha tarde especial!

sábado, 10 de decembro de 2011

Día dos dereitos humanos


63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nenos, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nenos e adolescentes que se implican ilusionados e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nenos dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, os nosos lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Todos nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)

venres, 9 de decembro de 2011

Eles foron os primeiros

Os alumnos de 3ºA foron os primeiros en demostrar os seus coñecementos sobre a biblioteca. Traballaron, indagaron e xogaron! Aquí tedes aos gañadores: Erick, Andrea, Raúl e Manuel. 


Quen serán os seguintes?

xoves, 8 de decembro de 2011

Un novo espazo

Volvemos a estar de estrea! A biblioteca amplía os seus epazos no centro. Xa contamos cun novo recuncho, no que poderás gozar cos xogos de mesa: parchís, oca, xadrez e damas. 


mércores, 7 de decembro de 2011

Quen coñece mellor a nosa quinta?

Se eres alumno da ESO terás a oportunidade de demostrar canto sabes da nosa biblioteca: cantas seccións ten, cantos fondos, como se colocan os materiais, onde atopamos as novidades... Serás ti o que máis a coñece?

domingo, 4 de decembro de 2011

Unha visita especial

Neste percorrido polas mulleres científicas a nosa compañeira de 4º ESO, Carla Cerqueira, deunos a posibilidade de coñecer de cerca o traballo de Marisol Soengas. Esta bióloga molecular naceu nunha aldea de Agolada, formouse durante once anos en Estados Unidos e actualmente é a directora do grupo de Melanoma  do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO). 





Este venres deixou os seus estudos e investigacións para acercarse a nosa biblioteca, neste recuncho de Galicia onde o Miño chega ao seu fin. Foi un pracer que acudira a nosa Quinta e que compartira con nós os seus coñecementos, o seu entusiasmo e a súa paixón polo que fai. 



Grazas Marisol polo teu tempo e dedicación!