sábado, 10 de decembro de 2011

Día dos dereitos humanos


63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nenos, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nenos e adolescentes que se implican ilusionados e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nenos dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, os nosos lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Todos nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)

6 comentarios:

  1. Óscar y Alejandro (4º A)15 decembro, 2011

    Bos días.
    Na nosa opinión, o libro "Taller de Corazóns",
    é un libro bastante bo, que ademais faite reflexionar sobre o que unha persoa pode chegar a facer por outra.

    ResponderEliminar
  2. Jessica, Marta, Claudia e Carlos (4ºA)15 decembro, 2011

    Encantoume esta actividade, paréceme moi interesante, divertida e que pode axudar á formación dos nenos saharauis.

    Taller de corazóns é unha boa proposta para fomentar a lectura dos nenos.

    ResponderEliminar
  3. Sara, Alba e Saray.15 decembro, 2011

    Parécenos moi boa idea compartir libros con nenos que teñen ilusión por ler, e ter a oportunidade de gozar dunha biblioteca, aínda que sexa de rodas.
    O libro "O Taller de corazóns" conta unha historia moi bonita, acompañada duns fermosos debuxos. Estamos seguras de que lles vai encantar.
    Escrito por alumnas de 4ºA ESO.

    ResponderEliminar
  4. O taller de corazóns é un libro cun argumento que che fai reflexionar e pensar que tes persoas ao teu arredor e tes que compartir cousas con eles

    ResponderEliminar
  5. Carla Cerqueira Mella15 decembro, 2011

    Para min este proxecto é moi especial. Eses nenos merecen, tanto como os demais do mundo, ter eses libros. Creo que cunha pequena axuda de cada persoa pódese chegar a conseguir moito. Eses tipos de proxectos son os que lle dan vida ao mundo.

    ResponderEliminar
  6. Gustoume moito e que sega adiante a biblioteca no Sahara.

    ResponderEliminar

Que esta Quinta estea viva depende de ti.