venres, 11 de marzo de 2011

As mochilas non paran de viaxar

Dende o mes de outubro as nosas mochilas andan a ver mundo. Saen da nosa Biblioteca dispostas a coñecer o concello e as familias que alí viven. Xa estiveron en Martín, en Torroña, por Novás, pasaron por Pías e incluso chegaron ata Burgueira!!! 

 
Van sempre moi cargadas, inzadas de novidades para non deixarvos durmir (Drácula, La Transformación), queren contarvos as últimas aventuras de Asterix e Obelix. Desexan mergullarvos na Galicia invisíbel, convidarvos a xogar coa poesía de Manuel María... Conseguiron incluso que Caperucita paseara por Manhattan. Permitiron que gozarades da imaxe de Babayaba, que moverades o esquelete cos Clásicos Divertidos e co rock bravú. Todo iso para que vós e as vosas familias poidades gozar da lectura e dos libros e para que coñezades o pracer de ler.

Dende a equipa da Biblioteca queremos dicirvos que estamos moi contentos da aceptación desta actividade. Estamos orgullosos porque as Mochilas viaxan todas as semanas e sempre veñen moito máis felices que cando marcharon. Polas noites, cando xa están descansadas, sentadas na súa cadeira cóntannos o agradábel e divertida que foi a súa saída e sempre insisten en continuar o seu percorrido.
Elas queren seguir viaxando para agasallarvos con sorpresas e para que, cando abrades un libro a maxia da lectura continúe nos vosos pensamentos.

GRAZAS!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que esta Quinta estea viva depende de ti.