xoves, 22 de marzo de 2018

Colaboramos con Radio Burela

Onte vivimos unha tarde moi especial. O alumnado de Secundaria participou no Proxecto Neo, un programa educativo que se emite cada mércores en Radio Burela coa colaboración do IES Perdouro.

Sete alumnos/as de ESO do noso centro foron entrevistados, vía telefónica e en directo, por estudantes do IES Perdouro. Un programa marcado polo bo ambiente e o estupendo traballo dos entrevistadores; con rigurosidade e bo humor. Unha actividade moi enriquecedora para todos e todas, na que os nervios do directo non impediron desfrutar dela.

O primeiro en ser entrevistado foi Rubén Guerreiro, alumno de 1º de ESO, integrante da Banda de Música da Agrupación de O Rosal. Contoulle a Alba a súa paixón, disciplina e dedicación pola música, e ata soltou, no medio do directo, algún segredo ;)


Despois chegou o momento de falar das actividades deportivas. Daniel Vicente, de 2º de ESO, contounos os seus inicios e logros no Atletismo e ata dixo estar disposto a facer de guía polo Rosal cos nosos colegas de Burela.
O resto do alumnado puido escoitar, desde as aulas, as intervencións dos compañeiros/as.



Sara Álvarez, de 3º de ESO, que participa na selección galega de fútbol sub-16, falou dos seus métodos para conciliar familia, escola e deporte. Sempre soubo que a súa paixón era o deporte rei. Cun balón- contou-  é a persoa máis feliz, non atende a prexuízos e, sobre todo e máis importante, díxonos que segue sendo a de sempre.

Continuamos coa creación artística de Celia Areal.  Escribe e debuxa no estilo manga. Falou dos obradoiros que imparte e descubriu, grazas aos compañeiros de Radio Burela, que se buscas o seu nome en google aparecen todos os seus traballos.
Despois de falar da banda deseñada chegou a quenda do remo, da man de Iago Martínez e Alejo González. Explicaron o entrenamento e modalidades que practican, tamén os seus logros. Pero destacamos o seu compañeirismo e competitividade sa.
E seguimos coa música a través da anglo-galega Ella Cordón. Contoulles aos oíntes a experiencia vivida no concurso de piano "Reveriano Soutullo" e a súa constancia na aprendizaxe musical.




E sen darnos conta, chegou o fin do programa. Ana Chamosa puxo o peche das intervencións, agradecéndolle aos nosos compañeiros de A Mariña lucense a oportunidade que nos brindaron de participar no seu marabilloso programa, e de vivir a maxia da radio.


Deixámosvos o enlace onde podedes escoitar o programa, Proxecto Neo

"A radio é un medio cego pero tamén é, ao mesmo tempo, un mundo a toda cor"
M. Abreu Montero

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que esta Quinta estea viva depende de ti.