O alumnado da materia de Investigación e Tratamento da Información traballa no PDI, analizando revistas de moda e preparando patróns.
luns, 31 de maio de 2021
venres, 28 de maio de 2021
Paula Carballeira na Mata!
Hoxe contamos coa visita dunha das grandes contadoras de historias de Galicia, Paula Carballeira! Tamén é escritora e actriz.
No marco do Club de Letras, fixo dúas contadas: unha para os pequeniños de 1º e 2º de Primaria, e outra para 3º A e B de Primaria. Dúas sesións moi divertidas e estimulantes, onde non faltaron as gargalladas, os xogos co corpo e un lote de divertidas dinámicas. E, como non podería faltar, houbo tamén entrevista na Voz da Mata, a cargo de Julia e Aldo de 3º EP.
Aquí tedes unha mostra das contadas e da entrevista na Voz da Mata
Se queredes escoitar a entrevista completa visitade a nosa canle de IVOOX, a Aula Virtual do CPI ou premede AQUÍ.
Grazas Paula por facernos ver a importancia da palabra nas idades máis temperás!
Día Internacional do Xogo!
Hoxe é o Día Internacional do Xogo e, dende o equipo de Biblioteca Creativa do xogo e, dende o equipo de Biblioteca Creativa do noso CPI, queremos festexalo presentando este recuncho cheo de xogos con distintos niveis de dificultade e temáticas.
Xogos para todos-as!
xoves, 27 de maio de 2021
Comezamos co Club de Cómic do CPI con Yolanda Castaño!
Hoxe, no noso CPI, contamos coa visita de Yolanda Castaño, poeta, crítica literaria e axente cultural.
Impartiulle un obradoiro de cómic poético ao alumnado de 3º ESO.
Entre os asistentes atopábanse un grupo de rapazas e rapaces que, dende hoxe, formarán parte do Club de Cómic do centro.
Aproveitamos a presenza da autora para constituílo e comezar a súa andadura.
No obradoiro debullou o proceso creativo da obra "O puño e a letra", editado por Xerais, que supón un fito na creación en galego, por fusionar banda deseñada e poesía.
A continuación, o alumnado creou un poema longo coa súa guía e, finalmente, ese poema converteuse en diferentes interpretacións visuais en formato cómic. Foi un verdadeiro revulsivo, que se fixo posible no marco do Club de Letras.
Aquí tedes unha mostra das estupendas creacións que fixo o alumnado.
Contamos coa presenza no público de Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal, que non quixo perder o acto, na nosa habitual e cotiá colaboración entre Concello e CPI.
Rematamos a mañá cunha marabillosa entrevista a Yolanda na Voz da Mata. Adán e Román foron os representantes do alumnado de 3º ESO.
Se queredes escoitar a entrevista visitade a nosa canle de IVOOX, a Aula Virtual do CPI ou premede AQUÍ.
Grazas a Yolanda Castaño e ao Club de Letras, coordinado por Xosé Tomás, por facer posible unha xornada fantástica!
mércores, 26 de maio de 2021
Jorge Mira na Voz da Mata
Hoxe tivemos unha visita moi especial no noso CPI: Jorge Mira.
Pola mañá, o alumnado do club de ciencia de 6º B de EP, traballou o tamaño do Sistema Solar e construíu o noso Sistema Solar a escala no patio. Simulando o Sol cunha pelota de tenis e os planetas con canicas e pedriñas, o alumnado comprobou as distancias e os distintos tamaños relativos entre estes corpos celestes.
Pola tarde, mantivo unha charla co alumnado de 4º ESO, co título "Química no amor", e desvelou os segredos de como eliximos parella desde o punto de vista puramente científico.
A Voz da Mata non podía desaproveitar a oportunidade de entrevistar un persoeiro galego tan importante.
Non perdades a súa entrevista que podedes escoitar visitando a nosa canle de IVOOX, na Aula Virtual do CPI, ou premendo AQUÍ. Nela descubriredes unha anécdota sobre o premio Nobel, John Nash, cal foi o labor de Jorge Mira no equipo de investigadores encargados da predición da evolución da COVID-19, consellos aos estudantes que rematan ESO e BAC, e moitas cousas máis.
Aquí tedes un adianto de dita entrevista.
luns, 24 de maio de 2021
María Oruña e "O souto dos catro ventos"
Hoxe tivemos unha tarde moi especial!
Un marabilloso encontro literario virtual con María Oruña para falar do seu libro "O souto dos catro ventos"
Esta actividade estivo organizada polo Club de Lectura de Adultas da Biblioteca do IES Antón Alonso Ríos. Participamos o noso Club dos Martes e o do CEIP Pintor Antonio Fernández de Goián.
Aquí tedes unha mostra da lectura da organizadora da xuntanza, Fátima R. Ruibal e do que nos contou María Oruña!
Moitísimas grazas a todas por participar, a María Oruña por ser tan xenerosa con nós, a Fátima R. Ruibal por facelo posible, a Elvira pola súa coordinación e a Tomás e Merce pola axuda técnica!
Sesión Club de Lectura ESO!
Lembrade que o día 17 de xuño faremos a derradeira sesión do Club de Lectura ESO deste curso.
Animádevos a participar!
domingo, 23 de maio de 2021
Esta semana no noso timbre soará...
Semana dos persoeiros!
Unha semana moi especial!
Rematamos o Mes das Letras moi ben acompañados-as!
Na nosa Quinta vestímonos de gala para recibir a: María Oruña, Jorge Mira, Yolanda Castaño e Paula Carballeira!
Todo un luxo para A Mata!
xoves, 20 de maio de 2021
Palabras para os paraugas
Para festexar a Semana das Letras Galegas, o alumnado da Mata elixiu un feixe de palabras da nosa fala.
Fermosas palabras, que pintaron sobre uns paraugas, e luciron hoxe polo Rosal.
Mirade que fachendos@s estaban cos seus parasoles!
Na web do centro atoparedes máis fotos e vídeos de todo o proceso, que foi un traballo en equipo do alumnado de EP e ESO.
Amigo invisíbel literario 2021
Como xa é tradición, dende a Biblioteca organizouse un amigo invisíbel co alumnado de 4º ESO e o seu profesorado, hoxe cada participante descubriu o seu agasallo literario.
Continuamos a celebrar a Semana das Letras!
luns, 17 de maio de 2021
Día das Letras 2021!
Hoxe festexamos o Día das Letras 2021!
Dende A Voz da Mata, A Quinta e o Equipo de dinamización lingüística fixemos dous programas de radio moi especiais.
O primeiro deles está realizado polo alumnado de 6º B EP e coordinado pola profe Elvira. É unha homenaxe a Xela Arias, e o podcast mostra os resultados dun obradoiro de escritura creativa que levan facendo dende o Nadal, partindo da poesía desta grande autora.
Un traballo marabilloso que podedes escoitar na nosa cale de IVOOX, na Aula Virtual ou premendo AQUÍ.
O segundo é a viaxe que realiza un libro dende que nace na mente dun escritor-a ata que chega ás nosas bibliotecas escolares: "Unha viaxe apaixonante"
Neste traballo de investigación, realizado polo alumnado de 3º ESO no marco do noso Club de Letras, contamos coa colaboración de persoas moi relevantes do mundo do libro:
- Paula Carballeira.- Escritora galega, intérprete e realizadora de contadas.
- Francisco Alonso.- Escritor galego e Director de Edicións Xerais de Galicia.
- Lola Castro.- Imprenta Meligraf (Melide)
- Loli Silva.- Libraría Ideas (O Rosal)
- María Oca.- Coordinadora da nosa Quinta.
Marta Barreiro, a profe de Música ESO; Carlos Manuel Grande, músico e conserxe do CPI e Carlos Sánchez Moura, profe de Xeografía e Historia ESO, foron os encargados de interpretar e maquetar unha peza orixinal do profe Carlos que nos cedeu para esta ocasión. Grazas aos tres pola vosa xenerosidade!
Lea e Noé son, nesta ocasión, os representantes do alumnado de 3º ESO e condutores do podcast! Grazas!
Grazas a Tomás por coordinar a actividade!
Un traballo fantástico que podedes escoitar na nosa canle de IVOOX, na Aula Virtual ou premendo AQUÍ.
Grazas a toda a Comunidade Educativa pola súa implicación nesta estupenda celebración do Día das Letras 2021!
sábado, 15 de maio de 2021
Spanglish!
O alumnado de 3º ESO, coordinado polo profe Tomás, está a traballar na aula o Spanglish!
Esta semana fixeron un programa na Voz da Mata para dar a coñecer as orixes, a traxectoria e a repercusión actual que ten o Spanglish a nivel social e cultural.
Un programa moi interesante que podedes escoitar na nosa canle de IVOOX, na Aula Virtual do CPI ou premendo AQUÍ.
Grazas a Raquel, Lea, Noé, Soraya e Jorge por facer un programa tan estupendo!
Tamén temos que dar as grazas a Tomás e María Oca por coordinar a actividade!
Que gocedes co programa!
mércores, 12 de maio de 2021
Inauguración: A Quinta!
Hoxe inauguramos A Quinta,
a nova zona de exposicións do colexio!
Este novo espazo da biblioteca, que serve como lugar de exposición dos traballos do alumnado, naceu grazas ás ideas do Equipo de Biblioteca e a colaboración do Concello. Pintáronse as paredes de negro e colocáronse pizarras magnéticas.
Contamos coa presenza da alcaldesa do Rosal, Ánxela, para presidir o acto e o alumnado de 4º de EP presentoulle a exposición sobre máquinas que estiveron a realizar.
Moitas grazas a tod@s pola participación ao acto.
A Quinta dos Libros segue a medrar!
luns, 10 de maio de 2021
Semana das Matemáticas
Para celebrar o 12 de maio, Día Escolar das Matemáticas, ao longo desta semana o alumnado de primaria achegarase ás matemáticas dunha forma manipulativa e recreativa a través de distintos xogos e actividades. Hoxe foi a quenda de 1º e 5º B de EP.
Actividade organizada polo Equipo de biblioteca e o Club de ciencia do centro.
xoves, 6 de maio de 2021
Formación Cova Terreña!
Rematamos a Formación en Bibliotecas Escolares cos compañeiros-as do Cova Terreña (Baiona), cunha visita presencial ao noso CPI, tendo como protagonista A Quinta dos Libros.
Bea e María fixéronse cargo desta sesión. Unha tarde estupenda!
¡Vivan las uñas de colores!
Traballando o libro de Alicia Acosta e Luis Amavisca, "¡Vivan las uñas de colores!", a profe Adriana e o seu alumnado de 3º EP, fixeron unha actividade de visibilidade das diferenzas, no marco do Proxecto VÍA do noso centro!
Unha actividade fantástica e moi divertida!
Gozamos coas unllas de cores!
mércores, 5 de maio de 2021
Recuncho do Club de Ciencia
Novo recuncho do Club de Ciencia no que atoparedes libros e películas relacionadas coa física, química, matemáticas, bioloxía...
domingo, 2 de maio de 2021
sábado, 1 de maio de 2021
Recomendacións Club de Lectura dos Martes!
E para rematar as recomendacións do Club de Lectura dos Martes, para as redes do Concello, temos este vídeo da nosa compañeira Esperanza.