domingo, 30 de decembro de 2012

Un conto por Nadal

Cuenta conmigo contra la pobreza é un proxecto que quere cambiar a situación de pobreza de moitos nenos e nenas do noso país. Esta é a campaña de Nadal de Save the children impulsada pola obra social de La Caixa. Moitos famosos, artistas, cantantes... versionaron lendas ou contos. Gozade da historia de Pinocho na voz de Alejandro Sanz.

venres, 21 de decembro de 2012

A música no Rosal

Este xoves o alumnado de 6º de primaria e 2º da ESO participaron nunha charla-concerto na que interviron os membros da Agrupación Musical do Rosal Montserrat González, Lali Álvarez, Nieves Álvarez e Xesús González (Suso). O acto abrírono Montserrat (clarinete), Lali(Oboe) e Nieves (frauta traveseira) acompañadas por Rubén Fernández de 3º da ESO(tuba) interpretando a Banda Sonora do filme Los chicos del coro. 


Xesús González, directivo da Agrupación, contounos que a banda comezou a súa andaina como un grupo de gaitas dirixida polos rosalenses Pepe e Emilio. Pasado o tempo e dada a importante tradición cultural das bandas en Galicia, decidiron converterse nunha banda e contrataron profesorado do Conservatorio de Vigo.


Nunha acto moi ameno, os conferenciantes foron debullando os acontecementos máis sobranceiros da Agrupación ao longo destes 26 anos de vida. Non faltaron tampouco anécdotas como a da confección do primeiro traxe en Portugal. Pasaron ao país viciño na gamela do Suso para tomar as medidas e as probas veunas facer o xastre portugués a unha leira da Canosa.
Tamén nos contaron que nun primeiro momento para recoller fondos para a Agrupación, saían tocando polos barrios do Rosal e de Oia en paseos musicais interminabeis. Falaron das actuacións en festas e verbenas, das noites sen dormir e como non da necesaria disciplina e constancia no traballo dos músicos.

Consideraron que o salto cualitativo da banda produciuse fai 12 anos coa súa participación no Certame Internacional de Bandas no Palau da Música de Valencia. Moitos foron os galardóns recibidos desde entón. O máis recente foi o inverno pasado o primeiro premio de Bandas de Música de Galicia. Remataron o acto cunha xenial interpretación da Banda sonora da película La vida es vella.

sábado, 15 de decembro de 2012

Chegaron os padriños - lectores

Onte pola mañá os padriños - lectores fixéronlles unha visita aos nenos de 3º de primaria. Leváronlles unhas cartas nas que lles contaban o que van facer a vindeira semana.

 Foi unha sorpresa xa que non os esperaban. 


Foi unha experiencia moi bonita.





Estade moi atentos porque volverán.

xoves, 13 de decembro de 2012

Recitando a Celso Emilio

Ás doce alí estabamos todos, os pequenos e os maiores; cada un no seu posto, cos seus versos aprendidos. A vida do centro paralizouse para recitar o poema de Celso Emilio. Este é o resultado. 

martes, 11 de decembro de 2012

Unímonos á gran festa

Cúmprese o centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, unha das voces fundamentais da literatura galega da segunda metade do século XX. A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) desexa renderlle homenaxe pública cunha acción de carácter colectivo que simbolice toda a forza e enerxía que transmite a súa palabra.

Nós tamén nos uniremos a esta iniciativa. 
Vémonos mañá 12 do 12 do 2012, ás 12!

luns, 10 de decembro de 2012

Petróglifos en Eiras e Tabagón


Os rapaces de 1º da ESO andan a investigar a historia do noso concello. Xa indagaron sobre os petróglifos e agora dannos a coñecer os que se atoparon este verán no Rosal.

Os petróglifos descubertos Rosal atopounos Palmira Vaquero en Eiras e Tabagón principalmente. O mércores 15 de agosto de 2012, Palmira confirmou a localización deste xacemento. Están gravados en xisto, miden 7m x 5m, de altura non supera o metro. Principalmente os debuxos son figuras de círculos concéntricos circulares, que poderían ser espirais.
Sofía Martínez


Recentemente se descubriu un novo gravado rupestre en Eiras onde se observan cantidade de figuras de círculos concéntricos, algúns con coviña central, cuadrangulares inscritos, algúns con puntos, serpentiformes. Aparecen nos petróglifos figuras curiosas non frecuentes nos petróglifos do Baixo Miño o que fan que deben de ser estudados.  
Francisco Méndez Días 


E ti, coñécelos?

venres, 7 de decembro de 2012

... Podes levarme, non mordo

Algúns dos libros da Quinta andan na busca de lectores...

martes, 4 de decembro de 2012

Os cabaqueiros visitaron o noso centro

Manuel e Dino estiveron, o venres pasado, no noso centro, ensinándonos a fabricar cabacas (tellas). Todos e todas fixemos a nosa tella, incluíndo as profesoras! Aquí tedes un vídeo onde podemos ver o noso traballo!


Moitas grazas a Manuel e Dino pola súa paciencia!