luns, 11 de xuño de 2018

Inauguración da radio escolar

Este mércores 13 de xuño terá lugar a inauguración da nosa radio escolar, A VOZ DA MATA.
Contaremos coa presenza da xornalista e escritora María Solar, que, ás 17.20 será entrevistada na propia radio por alumnado de ESO. A continuación, o acto de inauguración terá lugar na biblioteca, ás 18.30. 

Exercerán de presentadores/as rapaces e rapazas voluntarios de biblioteca de 6º de Primaria, haberá intervencións de diferentes representantes, presentarase a sintonía, e contaremos con varias actuacións musicais. A continuación, subirase para destapar a placa na propia radio.


Desde que a radio comezou a súa andadura, funcionou como unha ferramenta pedagóxica de uso extendido a todos os niveis do centro, con gravacións semanais (como puidemos ver en entradas anteriores), e con aplicación a diferentes áreas e materiais. 

Ademais, utilizouse premeditadamente como un instrumento de inclusión, de apoio, e serviu de voceiro para as persoas que visitaron o noso centro por diferentes motivos.

Convocouse un concurso para a creación dun logotipo e un nome, e así mesmo, compúxose unha melodía exclusiva para a súa sintonía.

Establecemos contacto co IES Burela, realizando un programa en directo un mércores pola tarde coa participación de todo o alumnado presente no CPI ese día.



Inaugurar a radio significa darlle valor oficial, e visualizar o traballo que se está a facer de modo paseniño pero eficaz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que esta Quinta estea viva depende de ti.